"Noites no Castelo", proxección ó aire libre e concerto dos Crebinsky de balde no Castelo de Santa Cruz en A Guarda

O concello da Guarda presentou recentemente a súa axenda de actividades para o verán, chea dunha gran diversidade de actividades, concertos e actuacións con todo tipo de música.

Entre esta grande oferta cultural destaca o programa “Noites no Castelo”, que terá lugar o sábado 9 de xullo no Castelo de Santa Cruz da Guarda e que busca ofrecer unha noite de lecer e diversión nunha contorna única.

Os protagonistas de “Noites do Castelo” este ano son a Banda Crebinsky, unha orquestra popular que xurdiu a partires dun mundo imaxinario, o que retrata a película Crebinsky e da banda sonora creada para esta.

A noite comezará cunha charla-coloquio a cargo dos compoñentes da banda Sergio Zearreta e Enrique Otero (tamén director do filme), ás 22,00 horas. Tras esta tertulia proxectarase ó aire libre o filme ”Crebinsky”. Para rematar a velada a banda dará un concerto que comezará sobre as 00,00 horas.

O Concello da Guarda convida a todo o mundo a desfrutar un novo ano, de maneira gratuíta, dunha das principais datas do verán cultural guardés na que se busca revalidar o éxito da edición “Noites no Castelo 2015”, cando se sumaron á proxección da Esmorga e ó concerto do grupo A Roda preto de 700 persoas.

mais información


Date: 9/07/2016 00:00 - 9/07/2016 00:00