A exposición fotográfica “África, soños e mentiras” presenta a mirada e o contacto de Gabriel Tizón, fotógrafo ferrolán con amplo percorrido internacional con África, tras máis dunha década de viaxes por diferentes países do continente e, especificamente, con Guinea Bissau.
A mostra forma parte do proxecto “Causas Comúns”, que nace como ferramenta de información e sensibilización, a través da fotografía como idioma común, tanto de cara ao pobo galego como ao de Guinea Bissau, sobre o evidente incumprimento dos Dereitos Humanos tanto en África como en Europa, en particular en aspectos como a vivenda, o traballo, a alimentación ou a xustiza, entre outros.
Porén, “Causas Comúns” é unha ponte entre Bissau e Galicia, un diálogo sincero e horizontal, sen disfraces, que denuncia os graves abusos de Dereitos Humanos no contexto europeo e africano. Fala tamén da interdependencia entre as distintas zonas do planeta, da débeda externa ao cambio climático, da pobreza enerxética á desnutrición infantil ou aos efectos das patentes farmacéuticas.
As fotografías amosan as historias dos soños e as mentiras sobre un continente, África, onde o 40% da súa poboación é menor de idade. Esta exposición narra, por tanto, o encontro coas persoas, cos líderes e lideresas comunitarias e coas heroínas e heroes anónimos.
A exposición poderase visitar dende o 5 ata o 28 de xullo no concello da Guarda.