As Festas da Virxe do Carme, o XV Rock Guardés e o Torneo de Volley Praia amenizarán esta vindeira fin de semana guardesa - A GUARDIA

As Festas da Virxe do Carme, o XV Rock Guardés e o Torneo de Volley Praia amenizarán esta vindeira fin de semana guardesa

Unha fin de semana máis a axenda cultural e de actividades da Guarda preséntase chea dunha variada oferta que amenizará estes próximos e soleados días de xullo.

Durante toda a fin de semana, dende o venres día 15 ata o domingo 17, o Porto da Guarda acollerá a celebración das Festas do Carme, de gran importancia para unha vila de tradición mariñeira como é esta.

Nas mañás do sábado e do domingo, teremos pasarrúas co Grupo de Gaitas da 3ª Idade Da Guarda. Estas Festas tamén inclúen un concerto de Bandas de Música o venres ás 22,30 horas. O prato forte da fin de semana terá lugar o sábado, a partir das 11 horas da mañá cando comezará a procesión, a misa cantada pola Agrupación Coral Polifónica da Guarda e a tradicional ofrenda floral aos náufragos no Porto. Xa pola tarde, haberá unha regata de gameliñas, seguida dun espectáculo de maxia e a verbena a cargo da orquestra CARAMELO e GRUPO FAMA.

Dentro da programación desta fin de semana para as Festas do Carme destaca a celebración da XV Edición de Rock Guardés. Este tamén terá lugar no Porto da Guarda e contará coas actuacións das bandas Mad Martin Trío, Helen & Shanna e Indomables.

Os amantes dos deportes tamén terán unha cita esta fin de semana co Torneo de Volley praia que acollerá a Guarda este sábado e domingo, días 16 e 17 de xullo. Neste disputarase o Campionato Senior de Galicia, o sábado será a competición a nivel galego e o domingo será a quenda da competición amateur.

Tamén queremos lembrar que este venres é o último día para visitar a fermosa exposición “Casas de luz”, con grabados de Mariano Castillo sobre os faros galegos que se atopa no Centro Cultural e convidar unha vez máis a todos os que o desexen a desfrutar da que seguro que será unha fin de semana inesquecible na Guarda.


Data: 15/07/2016 00:00 - 17/07/2016 00:00