XXVI Fesat da Langosta e da cociña mariñeira

O concello da Guarda quenta fogóns a tan só dous días do comezo da súa festa gastronómica por excelencia, a 26ª edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira que se celebra no Porto da localidade os días 1, 2 e 3 de xullo.

Venres 1 de xullo: Pregón e apertura da carpa

A Festa comezará na Praza do Reló coa actuación, ás 20 horas, da Agrupación Musical da Guarda. Tras esta, ás 21 horas, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, intervirá para dar a benvida ós asistentes, anunciar a Festa e introducir ao pregoeiro deste ano, Dani Delacámara. A continuación o humorista dará o pregón e despois todos os asistentes se dirixirán ó Porto para a apertura da Carpa onde terá lugar a Festa durante a fin de semana. A noite continuará co popular monólogo “Humor en defensa propia” de Dani Delacámara, que está ofrecendo os domingos no teatro na Gran Vía de Madrid. Esta primeira xornada rematarácoa actuación da orquestra FUTURO.

Sábado día 2: Travesía a Nado

O deporte tamén ten a súa cita na festa gastronómica coa XXI edición da Travesía a Nado Porto da Guarda, que dará comezo ás 12 horas. Na carpa a festa estará ambientada coa a actuación do grupo de pop-rock local 2MIS. Xa pola tarde, despois de degustar as delicias da cociña mariñeira guardesa, o programa da TVG “Aquí Galicia” emitirá en directo dende o Porto da Guarda, nun programa que contará coa participación dos nosos veciños e veciñas da Guarda econ diversas actuacións musicais e entrevistas. Pola noite haberá actuacións de grupos de música tradicional no “serán mariñeiro”.

Domingo 3 de xullo: Espectáculos e actuacións para toda a familia

Nesta xornada a música local volverá á carpa antes do xantar con SONGODIN'S, ás 12,30 horas no Porto da Guarda. A tarde está reservada para os nenos, nenas e familias onde desfrutarán do espectáculo musical infantil de “Uxía Lambona e a Banda Molona” ás 19 horas, que fará as delicias dos máis novos. O broche final virá coa “Noite de Fado”, que xa é habitual na programación da Festa. Nesta edición a protagonista será a artista portuguesa Marla Amastor, aclamada cantante de fados, letrista e compositora do país veciño.

Pero isto non é todo, e durante toda a fin de semana todos os que se acheguen á Guarda poderán visitar a recoñecida Feira de Artesanía. Ademais, como ven ocorrendo durante edicións anteriores, o Tren turístico que percorrerá as rúas da Guarda.Aqueles que nos visiten poderán coñecer mellor o noso concello coas visitas guiadas ao Museo do Mar, o Castelo de Santa Cruz e o Monte Santa Trega dentro da Rede de Museos. A isto hai que engadirlle as diversas iniciativas culturais, entre as que destaca “O muro da arte”, que invita a artistas a embelecer as rúas coas súas obras e a exposición anual ofrecida pola Asociación pola Recuperación do Traxe Galego, na Casa dos Alonsos, que se poderá visitar durante a fin de semana de 19 a 22 horas. Durante as mañás o grupo local “A Boalleira” anunciará as festas a veciños, veciñas e visitantes co pasarrúas.

Un ano máis a Guarda convertese na cita gastronómica de referencia da comarca coa XXVI Festa da Langosta e da cociña mariñeira na que todos poderemos degustar a langosta e a cociña mariñeira e desfrutar dunha fin de semana chea de gastronomía e actividades nunha cita imprescindible na Guarda os días 1, 2 e 3 de xullo.


Data: 1/07/2016 00:00 - 3/07/2016 00:00