FORNO DO DUQUE
Antigo desembarcadoiro para a descarga de sal e pedras de cal. Estas, transformadas en cal viva nos fornos mesturábanse con area para recebar e pintar todo tipo de construcións. O nome da fábrica Forno do Duque, débese ao alcume do seu primeiro dono, Teodoro Sabariz.
ESCOLA DO PASAXE
No pequeno edificio da escola do Pasaxe, actualmente Aula da Natureza xestionada por Anabam estaba instalada no século XIX unha estufa de desinfección pola que pasaban as roupas dos tripulantes chegados nos barcos mercantes que fondeaban no río. Pretendíase evitar o contaxio de enfermidades tan habituais como a cólera e a peste bubónica (a famosa Peste Negra) que causaban aínda a principios do século XX estragos entre a poboación. Un andazo no 1918 causou unha mortaldade tal en Camposancos que os veciños dispuxéronse a facer un novo cemiterio en substitución do parroquial totalmente colapsado. Tras a Guerra Civil o edificio converteuse en escola pública ata que se fixo a concentración escolar nos anos 70.
PROPIEDADES DA FAMILIA ESPAÑOL
No terreo propiedade da familia Español varios galpóns servían para almacenar toda clase de mercadorías (cal, pedra, patacas, cereais, ferro, vidro, latón...) destinadas á venta ó por maior e a exportación. As mercadorías importadas como louza de calidade, fíos de coser, pasas, figos, viño, especias, azafrán e sobre todo sal, eran almacenadas nos baixos das casas onde vivían, logo recoñecido colexio. Pasando os galpóns hai pequenas construccións onde estaban a Inspección Sanitaria, os Carabineiros do mar, A Aduana, a Garda Civil e o destacamento da Mariña.
CAPELA DE SAN XOSE
A antiga capela de san Xosé construíuse para uso dos alumnos do Seminario de Pobres fundado polo xesuita Tomás Gómez Carral en 1879.
EMARCADOIRO DO PASAXE
O embarcadoiro do Pasaxe de Camposancos construíse en terras gañadas ao río Miño posto que a súa ribeira chegaba ata a actual estrada de baixada. As obras de recheo impulsadas por don Juan Antonio Español serviron para construír o embarcadoiro ao que chegaban os barcos que fretaba para o seu negocio de importación-exportación. O tráfico neste embarcadoiro foi intenso ata os anos de 1930 e nel chegou a funcionar unha barca grande para gando e outra pequena para as persoas.
ANTIGO COLEXIO DOS XESUÍTAS
O antigo Colexio Apóstolo, logo instituto N'un Alves e máis tarde Colexio de María Inmaculada foi propiedade da Compañía de Xesús. O antigo almacén de importación-exportación da familia Español pasou as mans dos xesuítas en 1875 e dende aquela foron moitos os profesores e eruditos que pasaron pola Pasaxe: o pai Baltasar Merino (botánico) o pai Arguelles (naturalista) ou o pai Eugenio Jalhay (arqueólogo). O colexio da Pasaxe foi xerme da actual Universidade de Deusto e Seminario de Camillas.
O colexio contou con medios técnicos dos máis avanzados, instalouse un dos primeiros observatorios de Galicia, o segundo teléfono do Municipio e antes de chegar a luz eléctrica o municipio en 1900 os PP Xesuítas dispuñan de luz eléctrica grazas a un xerador mercado en Alemaña.
En 1916 os PP Xesuítas alugaron as instalacións aos PP Xesuítas de Portugal que viñan de ser expulsados do seu país mentres o Colexio Apóstolo Santiago trasladouse a Vigo. Comezan 26 anos de estancia dos xesuítas portugueses en Camposancos, como Instituto N'un Alves, nome que por obriga do goberno español tiveron que substituír polo de Colexio María Inmaculada.
Na II República os xesuítas deben abandonalo colexio. Queda nas mans do Estado asumindo o concello obriga de velar pola súa conservación. Durante a guerra funcionou como cárcere chegando a contar con máis de 3000 presos.
SERRADOIROS-ESTALEIROS
Foi a familia do Candeira, orixinaria de Ponteareas, quen instalou un serradoiro movido por unha máquina de vapor a mediados do XIX sendo un dos máis modernos de Galicia, o estaleiro para construción de barcos de madeira de bastante tonelaxe, veleiros e gabarras.
Pódense observar aínda algúns edificios que quedaron do antigo serradoiro La Camposina. Precisamente un dos máis graves accidentes laborais acontecidos na Guarda foi a explosión dunha caldeira de vapor o 4 de febreiro de 1915 que causara a morte de 10 persoas e numerosos feridos.
ESTALEIROS JOAQUÍN CASTRO
Fundados no 1940 construíronse nestes estaleiros naves como Chacartegui, o Alberdi, ou a nave Olatrane. Tamén unha réplica da Carabela Pinta con ocasión do V Centenario.
CODESAL
No 1971 a entidade local menor de Camposancos cedeu en aluguer por 50 anos ao club de tenis Codesal uns terreos para a creación duns complexo polideportivo de uso privado. O itinerario continua por unha paraxe de gran valor ornitolóxico antes de chegar aos chalés chamados da Noria, chamados así pola nora que subministraba auga á fábrica da Armona.
A esquerda, no río Miño, se a marea está chea, asoman as pedras de Dentro ou Olveiras ou máis preto dea beira a chamada Pedra do Porto.
ARMONA
Na Armona funcionou ata 1849 unha fábrica de xabón. Nas mans de novos propietarios converteuse cara finais do XIX nun serradoiro para elaborar táboas que transportaban ata Denia e que se utilizaban para montar as caixas para envasar a pasa.
A volta traían todo tipo de productos como viños doces, pasas, dátiles, laranxas. A Fábrica quedou integrada na nova empresa Serrarías do Miño no ano 1927 pasando ao persoal ao Pasaxe e pechando a actividade.
O FENO
Adentrámonos no piñeiral do Feno como se coñece en Camposancos a este baldío. A praia que o delimita é a Lamiña, seguimos polo piñeiral, pasamos pola praia do Forte para chegarnos ao Muíño.
OS MUÍÑOS E PESQUEIRAS
O topónimo do Muíño fai referencia aos dous muíños que aquí existían, o do Forte construído no 1868 e o do Muíño no 1844, continuando a marcha paralelos á praia do muíño, onde comezan as rochas existen restos dunha pesqueira e no Puntal outra.
A INSÚA
Illote no que se edificou no 1392 un sinxelo convento franciscano que subsistiu grazas ás esmolas dos pescadores. No século XVII construíuse unha fortaleza e en épocas recentes un faro guiaba aos barcos na foz do Miño.
OS MUÍÑOS
Continuamos a marcha para achegarnos á cruz de Porto Santo e dende aquí ata o muíño do Outeiro Pequeno ou de Madariz que data do 1811, dende este mesmo enclave vemos o muíño da Picota do 1806.
Fuente: aguarda.es