Ruta cultura urbana - A GUARDIA

A PRAZA DO RELÓ

 A que hoxe, se denomina praza do Reló, recibiu outros nomes en función da época e da situación política do momento: Praza Maior ata o s. XVI, logo praza da Constitución, da República, de España. Antes de ser praza non era máis co foxo da muralla que rodeaba á vila e que se encheu para construír os edificios que foron configurando a praza que hoxe coñecemos. Os edificios máis emblemáticos son o actual Concello, a torre do Reló e a Casa dos Alonsos, que configuran a praza que hoxe coñecemos.

A TORRE

 A torre emprazada no máis alto do recinto amurallado protexía un dos accesos á vila. No corpo da torre dous motivos escultóricos deben salientarse: o brasón que contén unha torre envolta en chamas lembra ó bispo de Tui Diego Fernández de Torquemada, señor xurisdiccional da vila que ordena levantar a torre no séc. XVI e o escudo heráldico da vila.

RÚA COLÓN

 Dividía en dous sectores a cidade amurallada. No comezo e no final desta rúa estaban as únicas portas de acceso á cidade. A rúa San Marcos perpendicular á anterior, debe o seu nome a un Hospital situado no solar que hoxe ocupa o Xulgado de Paz e que prestaba auxilio a pobres e peregrinos procedentes de Portugal.

O MURO

 No Muro igual que na Ireira, quedan os restos dos lenzos da antiga muralla que defendía a poboación dos ataques externos. No extremo da muralla unha atalaia permitía os labores de vixilancia.

O MOSTEIRO DAS BENEDITINAS

 Foi fundado no século XVI polo párroco de Salcidos Álvaro Ozores, da casa de Priegue, vinculado á familiares dos Correa, inaugurado no 1558. As monxas abandonarían o convento en 1983 e hoxe destinase a un afamado hotel e restaurante. A igrexa, pequena e deteriorada, reconstruíuse no XVIII e dedícase agora ó culto parroquial..

MONUMENTO Ó MARIÑEIRO DESAPARECIDO

 Obra recente de Magín Picallo na que o autor rende homenaxe á muller mariñeira quen recibe a tráxica nova de que o mar cobra unha vez máis o seu tributo. Desesperada leva as mans á cabeza e cando eleva o farol descobre ós seus pés o corpo inerte do ser amado.

RÚA MALTESES

 Estreita rúa que vai dende o Varadoiro, lugar onde se secaba o peixe e se recollía o argazo ata a actual Atalaia. Rúa mariñeira por excelencia con casas estreitas que se comunicaban directamente co mar a través dun patio. No baixo realizábanse as tarefas relacionadas coa pesca: preparación de redes, aparellos... A orixe do topónimo alude aos mariñeiros que se enrolaban alí onde fosen chamados como xornaleiros do mar.

A ATALAIA

 Reconstruída no final do paseo marítimo era unha antiga fortaleza construída polos portugueses cando A Guarda, por mor da guerra de independencia (1640-1668) permaneceu por tres anos, entre o 1665 e 1668, en poder do país veciño. Orixinariamente esta fortificación circular, abovedada e con pezas de artillería, emprazábase no dique que pecha o Porto polo Oeste e comunicaba na baixamar con terra firme. En épocas de paz serviu de faro ata que no 1943, contra a opinión popular, foi derrubada para permitir a ampliación do dique. Reconstruída a finais do séc. XX alberga o Museo do Mar que ademais de contidos etnográficos se distingue por albergar unha importante colección malacolóxica.

CASAS INDIANAS

 Son numerosas as vivendas construídas na segunda metade do séc. XIX e principios do XX polos emigrantes guardeses a Porto Rico, República Dominicana e Brasil. Unhas emprazábanse no casco urbano, outras, as villas, nas aforas. Empregan pedra ou azulexos que lle dan un característico colorido e adoptan as estruturas propias do país americano. Unhas tiñan carácter residencial ou se dedicaban ós negocios ou a fins sociais como o Colexio San Xosé das HH. Carmelitas de la Caridad.

IGREXA DE STA. MARÍA

 A igrexa parroquial orixinalmente románica, ampliouse no s. XVI, sendo tamén bispo de Tui Diego Toquemada. No interior destacan o retablo da capela maior de estilo borrominesco (séc. XVIII) dedicado á Asunción da Virxe María, o Cristo Xacente, obra do escultor local Cándido Sobrino e o Cristo crucificado no retablo do altar das ánimas que segundo a tradición popular é unha imaxe recuperada do mar onde fóra arroxada polos católicos ingleses na época de Henrique VIII.


Fuente: aguarda.es

Características de Rutas a pé

  • Entorno de la ruta Circuito urbano
  • Ruta circular Si
  • Nivel de dificultade Baixo